Notas do director.

Emigrei desde o rural. Sentín morriña. Coloquei un trípode e Julia fixo o resto.

Comecei a facer este documental coa miña avoa ao longo de 8 anos, nos cales aproveitamos as miñas visitas á Galiza para salvar a súa historia. O proxecto convertiuse nunha plataforma para dar voz a Julia, pero tamén a todas as mulleres do rural – un xeito de preservar a visión dunha xeración que chega á súa fin. A inspiración para realizalo chegou cando emigrei. Durante a miña infancia, sempre escoitei que se quería chegar a algo debía irme a algún outro lugar, onde houbese traballo, lonxe do rural, que xa non podía ofrecerme nada. Cumpriu que marchase para eu valorar de verdade o que deixaba na casa. Tiven que irme e perder o rumbo, para me dar de conta da importancia das raíces.

Julia representa unha xeración de mulleres de posguerra no rural galego. Ao longo do filme non só nos embarcamos na viaxe ao través da súa vida persoal, tamén usamos arquivo histórica (dende os anos 30, 40, 50, 60 e 90 até a dos 2000), para viaxar entre pasado, presente e futuro.

 

Este xogo temporal pon de manifestó a extinción do rural na Galiza, mostrando un país que se vai baleirando co paso dos anos. O espectador viaxa por esta historia ao ritmo lento e acougado que caracteriza esta atmosfera bucólica.

Julia representa a universalización da figura da avoa rural. O seu papel na nosa historia é non só relevante a nivel galego, senón a nivel internacional. E o máis importante, conta unha parte da historia que non foi representada de abondo: a que lles tocou vivir ás mulleres – nun rural que comezou a perder importancia para o conxunto do país – onde se non fose por elas, moitas familias non sairían adiante. Elas foron as heroínas e as escravas dun sistema que as obriga a traballar fóra e dentro da casa, cargando unha responsabilidade e representando unha filosofía que aínda vertebra os valores da nosa sociedade.

Julia é lar, é a loita dos labregos, é o grito de socorro do campo, é a esperanza de salvar as nosas raíces e son as nosas avoas.

E ti, lembras de onde vés?

Lagüela.

Jacobo Lagüela é un realizador galego que emigrou con tan só 20 anos de idade. Primeiro a Brasil, onte tivo os seus primeiros contactos co mundo do cine; e posteriormente a Reino Unido, onde a súa paixón por contar historias se traduciu nun traballo de cámara e piloto de dron para importantes canles internacionales como a BBC, National Geographic ou Discovery; e posteriormente como Director e Productor en Off The Fence, productora gañadora dun Oscar ó mellor documental polo filme “Meu Mestre o Polvo”.

Lagüela usa o seu traballo pra voltar ás raíces - e como plataforma para dar voz ás realidades de persoas que tradicionalmente non están representadas nas grandes pantallas - a súa ambición é a de salvar e rexistrar en vídeo estilos e filosofías de vida que están a piques de desaparecer.